FOTOGALERÍA | A Mezquita honra as súas raíces na festa da malla
A Mezquita volveu honrar as súas raíces este domingo coa celebración da xornada "Tempo de Malla", unha tradición recuperada no 2020 que evoca os grandes traballos cooperativos do campo. A iniciativa do Concello perseguiu o obxectivo de facer o ciclo completo do pan na Mezquita, un fito que xa acadou o pasado ano coa produción de pan orixinario do propio municipio.
A xornada arrincou ás 17:30 horas na coñecida Aira do Verano. Alí púidose presenciar o proceso completo da malla tal e como se facía en tempos, ademais de ver unha exposición de maquinaria agrícola antiga e gozar de música tradicional co grupo Acordeireta.
O peche da xornada acolleu un dos momentos máis emotivos da celebración: a homenaxe ao voluntariado que loitou contra os incendios do verán.